Tuesday 30 de April de 2024

O Concello de Lousame inviste 70.000 euros nas obras de pavimentación do viario que une Servia coa estrada Padrón-Portobravo


 

Os traballos iniciáronse esta semana coa execución de 130 metros de cuneta de seguridade con colectores de recollida de augas pluviais

O Concello de Lousame está a investir máis de 70.000 euros na pavimentación do viario que une a localidade de Servia (parroquia de Vilacoba) coa estrada AC-308 Padrón-Portobravo, unhas obras que deron comezo esta semana e teñen un prazo máximo de execución de 90 días. Uns traballos que acomete a empresa Grupo Nosa e comezaron coa construción de 130 metros de cuneta de seguridade polo centro da aldea, baixo a que se está a instalar unha tubería de PVC de 400 milímetros de diámetro e catro arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, supervisou este luns o inicio dunhas obras “que permitirán o aglomerado entre a aldea de Servia e a estrada Padrón-Portobravo”, ao tempo que indicou que “aproveitaremos tamén para completar as obras de saneamento executadas no 2018 e chegar así a todas as casas da aldea”.

Nos próximos días procederase a construír un muro de bloques de granito, de 32 metros de lonxitude e 2 de alto, para contención de terras, previo á pavimentación con aglomerado en quente dos 810 metros desta estrada que une Servia coa AC-308. Un viario de 6,5 metros de ancho sobre o que se executarán 195 m2 de sobreanchos, previa reparación de fochancas. As obras completaranse coa limpeza de gabias e salvagabias para a correcta drenaxe so viario así como na súa sinalización horizontal, con pintado de liñas en bordes e sinais.

Estas obras veñen complementar ás realizadas en outubro de 2018 e que permitiron dotar a esta localidade de novos colectores de augas residuais e pluviais, co obxecto de conseguir que a maior parte das vivendas poidan verter as súas augas fecais a unha rede de saneamento separativo para o seu posterior tratamento. Unha actuación que se complementou coa construción dunha estación depuradora de augas residuais nunha parcela próxima ao río Vilacoba, dimensionada para o total da poboación da localidade. Agora, o obxectivo é que todas as vivendas poidan acceder a este servizo, deixando así de utilizar as actuais fosas sépticas.